Saturday 18 de May de 2024

O proxecto DiversidArte recala na Pobra cun show musical e danza integrada


 

O teatro cine Elma acollerá no 10 de abril, a partir das 19.00 horas, dúas actuacións combinadas adscritas ao proxecto DiversidArte, impulsado pola Asociación Poten100mos. No caso concreto da Pobra, programouse o show musical Improvisóns e danza integrada da man de Ricardo Prado. O primeiro destes espectáculos contará con interaccións co público mediante a achega para a creación de cancións efémeras e irrepetibles do nada. O segundo sorprenderá as persoas asistentes co ritmo e a enerxía. Así o anunciou a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), quen cualificou a cita como “moi especial” e animou a veciñanza a acudir.

O mencionado proxecto é un soporte creado para a promoción, produción e difusión da arte onde as súas principais protagonistas son as persoas con diversidade intelectual, física, psíquica e sensorial, xunto con outros colectivos en situación de risco de exclusión, con actividades que fomentan as sinerxías e a súa propia inclusión como artistas dentro da sociedade.

A entrada é de balde ata completa-la cabida e seguiranse as medidas establecidas por mor da COVID-19. As persoas interesadas en asistir dispoñen ata o día 9 de abril para se inscribiren a través do enderezo electrónico servizos.sociais@apobra.gal ou do teléfono de contacto 981843280, marcando as extensións 2011 ou 2014.

Organiza a Asociación Poten100mos, coa colaboración da Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal e co financiamento da Deputación da Coruña e da Obra Social ‘la Caixa’.